Tuesday 23 de April de 2024

O CIM de Riveira promove a rodaxe dunha curtametraxe sobre relacións de xénero entre alumnos de secundaria do municipio


O Centro Información á Muller (CIM) de Riveira está a promover unha nova iniciativa para a igualdade consistente na gravación dunha pequena obra audiovisual que ten por obxecto escenificar as relacións de xénero entre os alumnos de Secundaria. A actividade forma parte dub Proxecto de Coeducación cofinanciado pola Deputación da Coruña e está dirixido a rapaces con idades de 16, 17 e 18 anos, os cales serán os protagonistas da creación da curta en todos os seus aspectos: dende a redacción do guión ata a interpretación actoral, así como todos os labores que teñen lugar detrás dunha cámara.

Os traballos preparatorios desta acción deron inicio hai dúas semanas coa presentación deste proxecto educativo nos institutos Número 1 e Leliadoura e no Centro Integrado de Formación Profesional de Coroso, e tivo continuidade o pasado día 22 cun casting na sede do CIM. De momento hai unha ducia de alumnos implicados, que procederon á asignación de funcións entre os participantes, estando asistidos por un equipo profesional en materia audiovisual.

A intención é poder presentar publicamente o resultado do traballo a mediados do mes de decembro, antes do inicio das vacacións de Nadal.

Contacontos
Tamén enmarcado no Plan de Coeducación atópase outra actividade dirixida a alumnos de segundo de Primaria (7 anos) e que está ofrecida polo colectivo Polo Correo do Vento. O seu título: “A señora Alvariño, oceanógrafa mundial”, que mestura contacontos con obradoiros de debuxo para educar en igualdade aos pequenos.

A acción deu comezo onte cos colexios O Grupo, Artes, Olveira e Oleiros e prosegue hoxe cunha sesión no CEIP de Palmeira (10 horas) e outra na aula de música de Aguiño (12 horas) con presenza de pequenos procedentes do centro Heroínas de Sálvora e do Sagrado Corazón de Castiñeiras.

Mañá será o turno do colexio Galaxia (10 horas na Casa da Xuventude) e do Bayón (12 horas neste colexio).